Porto de Celeiro celebra cos máis pequenos o Día Mundial do Medio Ambiente
Nesta edición a organización desenvolveu un amplo programa de actividades coa colaboración de dous especialistas en divulgación medio ambiental. Ademais, houbo xogos e proxeccións audiovisuais.
Celeiro, 9 de xuño do 2022. Porto de Celeiro OPP77 ten unha vertente educativa que acepta con gusto e responsabilidade da man do CEIP desta localidade lucense e que se expresa de moi diversas formas. Unha delas, a celebración conxunta de actividades relacionadas coa protección do medio ambiente, que este ano coincide na súa celebración educativa co Día Mundial do Medio Ambiente que se celebrou oficialmente o 5 de xuño pero que as nenas e nenos do CEIP festexaron, con diferentes actividades de concienciación neste 9 de xuño.
O director adxunto de Porto de Celeiro, Eduardo Míguez, visitou nesta xornada o centro onde aproveitou a ocasión para lembrar que “o peixe é a proteína animal máis sostible e saudable”. Neste senso, cabe lembrar que as nenas e nenos de Celeiro, moitos deles cun ou varios familiares que traballan no sector pesqueiro, herdan un mar e unha natureza que deben aprender a coidar mellor que os seus maiores. Non dar por feito un entorno magnífico, un entorno cheo e océanos xenerosos, senón convivir con eles e, nalgúns casos, recuperalos.
Este é o argumento arredor do cal Porto de Celeiro organizou neste 9 de xuño un programa composto por catro actividades: un obradoiro de pintura para decorar a súa propia capa para superheroes e superheroínas, unha acción divulgativa realizada por especialistas en educación ambiental; unha xincana de recollida selectiva de lixo e a proxección de varias curtametraxes relacionadas, todas elas, co coidado do medio ambiente.
Para conseguir que todo o alumnado participase no conxunto de actividades, formáronse diferentes grupos (Educación Infantil, 1º, 2º e 3º, e 4º, 5º e 6º) que ían rotando dunha acción a outra. A primeira actividade, a decoración da capa, fixérona todos á mesma hora nas súas aulas, ás 9:30.
Con esta iniciativa, Porto de Celeiro OPP77 reitera o seu compromiso coa educación en valores. Unha mostra máis da implicación da organización coa súa localidade e as súas xentes, dun pasado común e dun futuro esperanzador.
Esta iniciativa forma parte do Plan de Produción e Comercialización OPP 77 para 2022, que está cofinanciado con fondos FEMP e a Xunta de Galicia.