
CAPTURAS
ANO 2024 – REXISTROS
A VOLANTA GAÑA ENTEIROS
Moito mudaron as cousas nestes últimos anos, vímolo nun curto espazo de tempo tanto nas embarcacións atracadas como no peixe que se subasta. Os barcos con arte de volanta conforman xa boa parte do groso da frota, e a merluza de volanta está a ocupar hoxe en día gran parte do espazo de vendas na lonxa.
Nun escenario xeopolítico xeral convulso, cun incremento de custos, con tripulacións ao límite pola falta de relevo xeracional, cunha tendencia á baixa no consumo de peixe, etc., e xa máis recentemente coa entrada en vigor das 87 vedas a toda a pesca de fondo nos cantís de España, Portugal, Francia e Irlanda (o que supón nin máis nin menos que o peche de máis de 16.400 quilómetros cadrados de caladoiros), a rendibilidade e a competitividade das nosas embarcacións volveuse a ver limitada.
Resiliencia é a nova palabra para definir algo que levamos facendo anos, isto é, adaptarnos aos distintos escenarios porque o noso obxectivo é evidente e manifesto: queremos seguir pescando e subministrando produtos da mellor calidade á cidadanía. O último chanzo desa “resiliencia” foi a adaptación da frota con cambios na modalidade de pesca, de pincho a volanta.
No ano 2021, antes da entrada en vigor das 87 vedas, contabamos entre os nosos socios con catro barcos de volanta e catorce de pincho. Tres anos despois, a finais de 2024, a frota asociada a Porto de Celeiro OPP-77 dedicada á captura de merluza xa estaba composta por oito barcos de volanta e nove de pincho; destes nove, dous en proceso de cambio de modalidade a volanta.
Outro dos cambios salientables é a forma na que vendemos a merluza. Se fai uns anos se vendía en pezas, é dicir, como merluza enteira; a merluza envasada e fileteada representa xa boa parte do produto que comercializamos a través de Novomar. O cliente pídeo e nós dámosllo.
En 2024 subastáronse na lonxa de Porto de Celeiro un total de 11.146 toneladas de produtos pesqueiros por un valor de 46,85 millóns de euros.
Con respecto a 2023, ano no que o volume comercializado en primeira venda foi de 12.769 toneladas, produciuse unha diminución do 12,7 %. Non obstante, o incremento do prezo medio en primeira venda, que pasou dos 3,68 euros/kg en 2023 aos 4,20 euros/kg en 2024, supuxo que a facturación na lonxa lograse manterse en termos semellantes aos niveis de 2023, cunha redución de apenas un 0,38 %: dos 47,03 millóns de euros de 2023 aos 46,85 millóns de 2024.
PRINCIPAIS ESPECIES
A MERLUZA REPRESENTA O 83,71 % EN VALOR DE TODA A FACTURACIÓN
Cun total de 7.751 toneladas comercializadas, a merluza perdeu peso respecto das demais especies, acaparando o 69,54 % do total subastado.
Con 39,22 millóns de euros, a facturación pola venda exclusivamente de merluza pasou de representar o 87,21 % do total no ano 2023 ao 83,71 % en 2024.
Principais Especies Comercializadas en Valor
Principais Especies Comercializadas en Volumen
Tras a merluza, e por importancia do volume subastado, sitúanse o lirio, con 970,63 toneladas (8,71 % do total comercializado na lonxa); a xarda, con 827,75 toneladas (7,43 % do total); a sardiña, con 444 toneladas (3,98 %) e o bonito do norte con 134,5 toneladas (1,21 %). A merluza, como non podía ser doutro xeito, ocupa a primeira posición en canto a facturación. Esta especie rexistrou un valor en primeira venda de 39,22 millóns de euros (un 83,71 % do total). E xa, a moita distancia, e con valores similares, a xarda e o lirio. As vendas de xarda na lonxa en 2024 foron de 1,17 millóns de euros (2,51 % do total) e as do lirio de 1,11 millóns de euros (2,37 % do total). Séguenlles o bonito do norte, con 854.824 euros (1,82 % do total); a xuliana, con 560.393,47 euros (1,20 % do total) e a sardiña, con 522.049 euros (1,11 % do total).
En canto aos prezos medios rexistrados en 2024 para as cinco especies con maior facturación na lonxa, con incrementos en todas elas, para a merluza foi de 5,06 euros/kg (4,24 €/kg en 2023); para a xarda, de 1,41 €/kg (1,30 €/kg en 2023); para o lirio, de 1,14 €/kg (0,65 €/kg en 2023); para o bonito do norte, de 6,36 €/kg (4,52 €/kg en 2023); e para a xuliana, de 7,02 €/kg (6,23 €/kg en 2023).
OUTRAS ESPECIES
XARDA
Segunda especie en valor e terceira en volume
Cun total de 1,17 millóns de euros, a xarda foi no 2024 a segunda especie en importancia en valor de todas as subastadas na lonxa de Porto de Celeiro, e a terceira en termos de volume, con 827,75 toneladas. Esta especie rexistrou importantes incrementos tanto na cantidade subastada, cun 73,39 % máis; como no valor en primeira venda, que case se duplicou respecto a 2023, ata acadar os 1,17 millóns de euros. O incremento no prezo foi do 9,2 %, pasando dos 1,30 €/kg de 2023 aos 1,42 €/kg de 2024.
LIRIO
Segunda en volume e terceira en valor
Despois da merluza e da xarda, o lirio foi no 2024 a especie que rexistrou un maior valor de todas as subastadas na lonxa de Porto de Celeiro e a segunda tras a merluza en volume subastado. Aínda que as toneladas vendidas (970,6 t) descenderon un 7,41 % con respecto a 2023, o valor na subasta (1,11 millóns de euros) incrementouse nun destacado 67,76 %, como consecuencia dun aumento no prezo do 75 %, pasando dos 0,65 €/kg en 2023 aos 1,14 €/kg en 2024.
BONITO DO NORTE
Cuarta en valor en primeira venda
O bonito do norte foi en 2024 a cuarta especie en importancia en valor en primeira venda na lonxa de Porto de Celeiro. Mentres que en volume se mantivo en niveis similares aos de 2023 (134,40 t e unha lixeira caída do 0,70 %), en facturación incrementouse nun 39,61 % (dos 612.292 euros de 2023 aos 854.824 euros en 2024), debido a un aumento no prezo medio do 40,7 % (de 4,52 €/kg a 6,36 €/kg).
XULIANA
Quinta especie en valor
A xuliana foi outra das especies con mellores rexistros en 2024, con incrementos do 53,34 % no volume subastado e case o dobre en facturación (un 97,25 % máis). Con 79,799 toneladas vendidas na lonxa por un valor de 560.393 euros, ascende ao selecto grupo das cinco especies subastadas máis importantes en termos de valor. O seu prezo medio en 2024 foi de 7,02 €/kg, un 12,68 % máis que en 2023.
SARDIÑA
Incremento no prezo do 22,9%
Despois de que en 2023 as vendas de sardiña no Porto de Celeiro aumentasen nun incrible 282 %, chegando ás 532,5 toneladas, o volume vendido na lonxa en 2024 diminuíu, aínda que en moita menor medida que as cifras rexistradas o ano anterior. Caeu nun 53,34 %, chegando ás 444,16 toneladas. Unha diminución na cantidade que se compensou cun aumento do prezo do 22,9 %. Cun prezo medio de 1,18 €/kg, o valor da primeira venda, que foi de 522.050 €, aumentou un 1,80 % con respecto a 2023.


