skip to Main Content

Jesús Lourido: Ninguén esperaba o veto a toda a pesca de fondo…

Jesús Lourido: «Ninguén esperaba o veto a toda a pesca de fondo sen aval científico, socioeconómico nin político»

«Confiamos en que os ministros poñan en evidencia o atentado contra a pesca galega e europea que quere perpetrar o eurocomisario Sinkevicius», di o xerente de Produtores Pesqueiros de Celeiro

Non para. Viaxes, reunións presenciais ou telemáticas, chamadas, mensaxes… Volve ao seu despacho de xerente da Organización de Produtores Pesqueiros Puerto de Celeiro despois de participar por videoconferencia na directiva da Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca (EAPO, en inglés), da que é secretario, e de analizar cun patrón de Gran Sol o veto a toda a pesca de fondo que impón a Comisión Europea. Sabe que combater este novo golpe á frota galega require a mellor información posible, polo cal non lle queda outra que buscar ocos para documentarse e, ó mesmo tempo, atender o traballo habitual. Jesús Lourido (Santallamar, 1970), confía en que este luns, no Consello de Pesca da Unión Europea (UE), «os ministros poñan en evidencia o atentado contra a frota galega e europea que quere perpetrar e eurocomisario Virginijus Sinkevicius», titular de Medio Ambiente, Océanos e Pesca.

—Cre que a sociedade percibe o que supón o peche das 87 áreas para a economía, o emprego e soberanía alimentaria da UE?

—Realmente penso que non. Algunha parte sabe que esta norma debería protexer e coidar os ecosistemas mariños vulnerables, corais, esponxas, etcétera… Espero que tamén lle estea chegando que sae dun proceso perverso, viciado de orixe porque non ten en conta todo o que nós, como sociedade, tamén queremos protexer: evidentemente, o medio ambiente, pero tamén a actividade da frota e os empregos de toda a cadea da pesca.

—Leva meses estudando e alertando do propósito da Comisión, esperaba que o consumase?

—Ninguén no seu san xuízo esperaba o veto total, a todas as artes, porque non ten aval científico nin socioeconómico, e o político non é de maioría cualificada. Os informes científicos só eran para o arrastre, non para o palangre nin para a volanta. Ninguén pensaría que se podería tomar unha decisión executiva en base a unha información parcial.

—Tamén detectaron irregularidades no procedemento.

—O regulamento base é claro. Di que ten que haber un informe de impacto socioeconómico para as revisións e entendemos que tamén para o proceso inicial. Ten que haber unha consulta directa cos afectados, non con organismos intermedios, e fainas a Comisión. Invitar aos mariñeiros a participar nun organismo científico é unha colaboración, non unha consulta. Non se pode enviar o acto de execución ó Consello de Pesca sen darlle opción a opinar ás partes interesadas.

—Pero sigue adiante, co apoio de 14 dos 27 Estados da UE.

—O eurocomisario e o seu equipo teñen unha fixación co arrastre. A estratexia e os momentos póñeno en evidencia. Quería chegar á Cume dos Océanos, en Lisboa, coa medalla de «hemos protegido al mar salvándolo del malvado arrastre». Demostramos, e avisamos con tempo, de que tamén afecta moito ao pincho, á volanta, a todas as artes, pero el decidiu seguir adiante. Freou en xuño polo aviso da «non opinión» do Consello Europeo, pero agora tamén o ignorou e colgouse a medalla dende Senegal, na Conferencia Ministerial Africana sobre Medio Ambiente.

—Prevalece a política medioambiental sobre a pesqueira?

—Vetar toda a pesca de fondo con ese enfoque sesgado, como fai o eurocomisario, vai contra a Política Común de Pesca e contra o Tratado da Unión Europea.

—Polo que transcende, a Comisión semella segura da legalidade.

—Obviamente, non vai admitir a barbaridade que fixo nin que se está a levar por diante o futuro de comarcas costeiras como, por exemplo, A Mariña.

—O Goberno español semella non ter clara a denuncia xudicial, que a frota demándalle e prepara.

—Toca facer un estudo sincero e profundo dos aspectos xurídicos polos ministerios de Pesca e de Asuntos Exteriores, e o sector complementa esa acción legal cos aspectos técnicos. Que presente o recurso canto antes e, en paralelo, que pida a suspensión cautelar ao Tribunal de Xustiza da UE, e que se adopte rápido.

—Non é só cuestión de tipos de artes nin das 87 áreas vedadas, senón do efecto dominó sobre o conxunto da pesca, din vostedes.

—Definitivamente. Temos o impacto directo, a exclusión de traballo nesas áreas, e os derivados, que non sei se non serán incluso máis graves porque saír das batimetrías delimitadas polas cuadrículas implica faenar en zonas de praias, onde non se facía, e, como noutras ocasións, haberá conflitos polo espazo ao concentrarse máis barcos dos que caben. Tamén se pon en perigo a rendibilidade de moita da frota, xa moi tocada polos golpes da pandemia e agora pola inflación, prezos do combustible, recortes de capturas, cotizacións case estancadas na primeira venda…

—Calcularon de cantas zonas de pesca os expulsarán o día 9?

—Das 87 áreas das que, lamentablemente, botarán a frota o 9 de outubro, traballamos no 90 %, pero, de todas as maneiras, hai algo que fai isto aínda máis retorcido. O informe científico no que se escuda a Comisión recomenda as zonas que van cumprir cun obxectivo que todos compartimos, o de protexer os ecosistemas vulnerables. Pero insiste en que só ten información sobre o impacto do arrastre e en que non pode avaliar se o pincho ou a volanta lle afectan. É unha cuestión de perspectiva importante que un eurocomisario insensible coa pesca se salta, levándose por diante á frota de fondo, non se sabe por que interese.

 La Voz de Galicia – S. Serantes

Back To Top

Puerto de Celeiro utiliza cookies propias y de terceros que permiten mejorar la usabilidad de navegación y recopilar información. No se utilizarán las cookies para recoger información de carácter personal. Solo se instalarán las cookies no esenciales para la navegación si acepta esta característica.

Privacy Settings saved!
Configuracion de Privacidad

Puedes revisar tus preferencias de privacidad para ver las cookies que utilizamos para mejorar tu experiencia y la política de privacidad.

Permiten al usuario la navegación a través de una página web, plataforma o aplicación y la utilización de las diferentes opciones o servicios que en ella existan como, por ejemplo, controlar el tráfico y la comunicación de datos, identificar la sesión, utilizar elementos de seguridad durante la navegación o compartir contenidos a través de redes sociales.

Cookies propias de Wordpress. Usada para comprobar si el navegador acepta las Cookies.
  • wordpress_test_cookie

Permite guardar sus preferencias acerca de nuestra política de cookies.
  • wordpress_gdpr_cookies_declined
  • wordpress_gdpr_cookies_allowed
  • wordpress_gdpr_allowed_services

Rechazar todos los servicios
Acepto todos los servicios