El proyecto técnico Ispamer 2023-25 analizó la interacción con los hábitats marinos del palangre conocido…
A pescada do pincho converteu a Celeiro nun dos referentes pesqueiros de Galicia
Máis de catro de cada dez quilos de pescada comercializados nas lonxas galegas pasaron por Celeiro no ano 2025, segundo os datos oficiais
Hai nomes que rematan por ser inseparables dun produto. Falar de Celeiro é falar de pescada do pincho, dunha frota que durante décadas fixo desta especie un dos piares da actividade pesqueira da Mariña e dunha cadea de valor que comeza moitos quilómetros mar adentro e continúa cada madrugada na lonxa.
Non é casualidade que esta vila mariñeira de Viveiro fose cualificada como o «Wall Street da pescada». Detrás da expresión hai décadas de especialización, modernización e traballo dunha frota que fixo desta especie a súa principal referencia e dun sector que soubo construír arredor dela unha estrutura de comercialización, trazabilidade e diferenciación do produto.
Os datos permiten dimensionar esa realidade. En 2025 comercializáronse nas lonxas galegas 17,74 millóns de quilos de pescada, dos que 7,35 millóns pasaron por Celeiro. É dicir, o 41,4 % de toda a pescada comercializada en Galicia. En termos económicos, as vendas desta especie na lonxa de Celeiro acadaron os 37,82 millóns de euros, o 38,2 % dos máis de 99 millóns facturados polo conxunto das lonxas galegas. Celeiro situouse así como primeira lonxa de Galicia tanto en volume como en facturación de pescada, consolidando unha especialización que se reforzou de maneira significativa durante as últimas dúas décadas.
En 2006, o porto concentraba o 28,3 % dos quilos de pescada comercializados en Galicia. Dez anos máis tarde, en 2016, a porcentaxe ascendía xa ao 34%. En 2024 superaba por primeira vez o 41 % e en 2025 mantívose no 41,4 por cento. En menos de vinte anos, Celeiro incrementou en máis de trece puntos o seu peso sobre o total galego.
Entre os meses de xaneiro e de xuño deste ano, a lonxa comercializou 3,70 millóns de quilos de pescada, o 42,7 % de toda a comercializada en Galicia durante o mesmo período de tempo.
EVOLUCIÓN
Unha evolución que continúa nos primeiros meses deste ano. Entre os meses de xaneiro e de xuño deste 2026, a lonxa comercializou 3,70 millóns de quilos de pescada, o 42,7 por cento de toda a comercializada en Galicia durante o mesmo período. Isto fai que Celeiro se manteña tamén no primeiro posto entre as lonxas galegas por volume e facturación da especie.
A importancia actual da pescada é resultado dunha historia construída durante xeracións. Celeiro consolidouse ao longo do século XX como un dos grandes portos pesqueiros do Cantábrico e a súa frota foi adaptándose ás diferentes pesqueiras e ás transformacións experimentadas polo sector.


