
CAPTURAS
ANO 2025 – REXISTROS
MERLUZA EUROPEA, A VOLANTA EN ALZA
Porto de Celeiro mantense como referente na captura e comercialización da merluza europea. Segundo os datos oficiais de PescadeGalicia, no ano 2025 poxáronse na lonxa un total de 7.349 toneladas de merluza europea por un importe de 37,82 millóns de euros, cun prezo medio de 5,15 euros/kg. Estas cifras representan o 66,94 % do volume total poxado e o 80,42 % do valor económico total.
A entrada en vigor das 87 vedas en outubro de 2022 marcou un punto de inflexión para o sector. A menor rendibilidade de moitas das embarcacións dedicadas á modalidade de pincho propiciou un cambio cara á arte da volanta. Desde ese momento, a merluza capturada con volanta foi gañando peso na actividade da lonxa.
Así, en 2025, das máis de 7.300 toneladas de merluza poxadas na lonxa, a merluza de volanta representou xa o 80 % do volume subastado (72,3 % en 2024) e o 74,6 % do valor económico (64,7 % en 2024). Pola súa parte, a merluza de pincho, que ata fai poucos anos era a modalidade predominante, pasou de representar o 27,7 % do peso total en 2024 ao 20 % en 2025. En termos de valor, a súa participación reduciuse do 35,30 % ao 25,4 % de 2025. Estes datos evidencian que, durante o ano 2025, a merluza de volanta comercializada na lonxa incrementouse un 7,8 % en volume e un 9,9 % en valor na primeira venda.
En 2025 poxáronse na lonxa de Porto de Celeiro un total de 10.979 toneladas de produtos pesqueiros por un valor de 47,03 millóns de euros.
Con respecto a 2024, ano no que o volume comercializado en primeira venda foi de 11.146 toneladas, produciuse un descenso do 1,49 % (166,97 toneladas), moi afastado da caída do 12,7 % rexistrada en 2024. Pola súa banda, o incremento do prezo medio en primeira venda, que pasou dos 4,20 euros/kg de 2024 aos 4,28 euros/kg en 2025, fixo que a facturación en lonxa lograse manterse en termos similares aos niveis de 2024, cun lixeiro incremento do 0,37 %: dos 46,85 millóns de euros aos 47,03 millóns de euros de 2025 (177.230 euros máis).
PRINCIPAIS ESPECIES
A MERLUZA REPRESENTA O 80,42 % EN VALOR DE TODA A FACTURACIÓN
Nas poxas celebradas na lonxa do Porto de Celeiro durante o ano 2025, e cun total de 7.349 toneladas comercializadas, a merluza mantivo a súa relevancia en termos de volume poxado respecto do resto das especies, representando o 66,94 % do total comercializado na lonxa.
Pola súa parte, no que atinxe á participación da merluza na facturación da lonxa, o valor das súas poxas representou o 80,42 % da facturación total rexistrada durante o ano 2025.
Principais Especies Comercializadas en Valor
Principais Especies Comercializadas en Volumen
Tras a merluza, e atendendo ao volume poxado, sitúanse o lirio, con 892,29 toneladas (970,63 toneladas en 2024), que representou o 8,13 % do total comercializado na lonxa (8,71 % en 2024); a xarda, con 682,88 toneladas (827,75 toneladas en 2024), equivalente ao 5,73 % do total das especies poxadas (7,43 % en 2024); a sardiña, con 289,88 toneladas (444 toneladas en 2024), que supuxo o 2,64 % do total comercializado (3,98 % en 2024); e o bocarte, que rexistrou en 2025 un total de 269,94 toneladas, representando o 2,46 % do volume total poxado. A continuación sitúanse o xurelo, a pota e o bonito do norte.
No que respecta aos prezos medios acadados en 2025 polas catro especies con maior facturación na lonxa, rexistráronse incrementos en todas elas, agás no caso do bonito do norte. A merluza alcanzou un prezo medio de 5,15 euros/kg (5,06 €/kg en 2024); a xarda situouse en 2,27 euros/kg (1,41 €/kg en 2024); e o lirio en 1,57 euros/kg (1,14 €/kg en 2024). Pola súa parte, o bonito do norte acadou un prezo medio en primeira venda de 4,39 euros/kg en 2025, o que supón un descenso de 1,97 euros/kg respecto de 2024, rexistrando un valor moi similar ao de 2023, cando o prezo medio foi de 4,52 €/kg.
OUTRAS ESPECIES
XARDA
Segunda especie en valor e terceira en volume
Cun valor total de 1,43 millóns de euros (1,17 millóns de euros en 2024), a xarda foi en 2025 a segunda especie en importancia por valor económico entre todas as poxadas na lonxa de Porto de Celeiro e a terceira en termos de volume, con 628,88 toneladas (827,75 toneladas en 2024). Esta especie, que rexistrou unha diminución do 24,22 % na cantidade poxada, incrementou a súa facturación en primeira venda nun 22,22 % con respecto ao ano anterior. Este incremento debeuse ao notable aumento do prezo medio, que pasou dos 1,42 euros/kg en 2024 aos 2,27 euros/kg en 2025.
LIRIO
Segunda en volume e terceira en valor
Despois da merluza e da xarda, o lirio foi en 2025 a especie que acadou un maior valor económico entre todas as poxadas na lonxa de Porto de Celeiro e a segunda en volume poxado, só por detrás da merluza. Aínda que as toneladas comercializadas (892,29 toneladas) diminuíron un 8,07 % con respecto a 2024, o valor obtido nas poxas, que alcanzou os 1,40 millóns de euros, incrementouse nun destacado 26,12 %. Este incremento foi consecuencia do aumento do prezo medio nun 37,72 %, ao pasar dos 1,14 euros/kg en 2024 aos 1,57 euros/kg en 2025.
BONITO DO NORTE
Cuarta en valor en primeira venda
O bonito do norte foi en 2025 a cuarta especie en importancia por valor en primeira venda na lonxa de Porto de Celeiro. En termos de volume, rexistrou un lixeiro descenso do 1,20 % con respecto a 2024, ao pasar das 134,40 toneladas ás 132,78 toneladas en 2025. Pola súa parte, a facturación reduciuse nun 31,8 %. Este descenso debeuse á diminución do prezo medio nun 30,9 %, que pasou dos 6,36 euros/kg en 2024 aos 4,39 euros/kg en 2025.


