30 Escolares de Primaria participan no Concurso da OPP77
A actividade enmárcase no convenio de colaboración entre o CEIP Celeiro e o Porto de Celeiro para concienciar ao alumnado sobre a realidade en canto ao coidado do medio ambiente e da nosa terra.
30 ESCOLARES DE 5º E 6º DE PRIMARIA PARTICIPAN NO CONCURSO DE MANUALIDADES ORGANIZADO POLA OPP77 PORTO DE CELEIRO
Celeiro, 20 de xuño. 30 escolares do CEIP Celeiro con idades comprendidas entre os 11 e 12 anos participaron no concurso de manualidades sobre a súa visión sobre o mar. Unha actividade onte tiveron que plasmar como ven eles esta materia tan valiosa, o mar, limpo, sucio, con peixes, sen eles…
O domingo, 5 de xuño, día Mundial do Medio Ambiente, saíron as bases deste concurso na web do Porto de Celeiro (www.puertodeceleiro.es ) e tamén a través da web do CEIP Celeiro (https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipceleiro/) e desta maneira arrancou o período de inscrición e recepción de traballos que tivo lugar ata o 18 de xuño, Día da Gastronomía Sostible. Grazas ás bases déronse a coñecer todas as características que tiveron que ter os traballos presentados e tamén os premios establecidos, que son: premio á orixinalidade e premios á mellor técnica. As e os gañadores recibirán libros sobre temática ambiental e mariña, e serán entregados o 23 de xuño. Este ano, como novidade, todas as aulas do centro recibirán un agasallo que consistirá nun microscopio dixital de detalle e precisión.
O concurso estivo destinado a nenas e nenos de 5º e 6º de primaria e participaron un total de 30 escolares destes cursos. Un concurso onde puideron deixar voar a súa imaxinación e creatividade coa presentación dunha manualidade onde deixaron patente o que para elas e eles significa o mar. Valorase de xeito positivo a utilización de materiais de refugallo. Trátase dunha actividade que plasma a vea artística destas pequenas e pequenos.
Esta iniciativa, financiada pola Xunta de Galicia e o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca), nace froito do convenio de colaboración entre o CEIP de Celeiro e Porto de Celeiro S.A OPP-77 para promover actividades que contribúan a concienciar ao alumnado de Celeiro sobre o medio ambiente mariño, e o coñecemento da realidade económica e social da súa contorna e dos produtos de pesca