44 ESCOLARES DO CEIP DE CELEIRO PARTICIPAN NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ORGANIZADO POLA OPP77 PUERTO DE CELEIRO

O prazo para presentarse a este concurso pechouse o venres 18 de xuño.

Celeiro, 21 de xuño. 44 escolares do CEIP Celeiro con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos xa presentaron o seu traballo dentro do concurso de fotografía sobre a restauración de ecosistemas, a temática protagonista do día do Medio Ambiente neste 2021.

O prazo de inscrición abriuse o 5 de xuño e pechouse o venres 18, Día da Gastronomía  Sostible. Durante este tempo foron un total de 44 os escolares que presentaron os seus traballos, alumnas e alumnos de 3º,4º, 5º e 6º de primaria que poderán optar aos premios deste concurso que son: ao mellor traballo e ao mellor formato. Os rapaces ou rapazas gañadores recibirán libros sobre temática ambiental e mariña, que serán entregados o 25 de xuño, Día Mundial da Xente do Mar. A aula que teña máis premiados en calquera unha das categorías recibirá unha pantalla interactiva valorada en preto de 2000 euros.

O concurso estivo destinado a nenas e nenos de 3º,4º, 5º e 6º de primaria. Un concurso onde puideron deixar voar a súa imaxinación e creatividade coa presentación dunha fotografía vencellada coa temática deste ano do Día Mundial do Medio Ambiente, a reconstrución de ecosistemas. Asemade, todo o alumnado que participou presentou esta fotografía nun marco realizado con materiais de refugallo. Trátase dunha actividade onde quedou patente a vea artística destas pequenas e pequenos.

Esta iniciativa é froito do acordo de colaboración entre o CEIP de Celeiro e PUERTO de CELEIRO S.A OPP-77, para promover actividades que contribúan a concienciar ao alumnado de Celeiro sobre o medio ambiente mariño, e o coñecemento da realidade económica e social da súa contorna e dos produtos de pesca e está financiada polos fondos FEMP a través do PPeC 2021 da OPP77.