A etiqueta ‘Amigo do Mar’ é un recoñecemento ao noso traballo
Xesús Lourido, delegado da frota de Celeiro: “A etiqueta ‘Amigo do Mar’ é un recoñecemento ao noso traballo”
A semana pasada soubemos que todas as pescadas do pincho de Celeiro chegarán ao consumidor coa certificación de calidade ‘Friends of the Sea’ de pesca sostible. Entrevistamos a Xesús Lourido, Delegado da Frota do Porto de Celeiro.
“A etiqueta “Amigo do Mar” é un recoñecemento ao traballo da nosa xente do mar de Celeiro. Isto axuda a que os consumidores teñan claro que cando vexan o noso selo, o produto será pescada europea, pescada do pincho, pescada unha a unha con anzol. Certifica que vén dunha pesquería sostible“.
“A nosa xente do mar sempre pescou no Gran Sol con palangre e as pescadas obtéñense unha a unha por anzol. Desa maneira, a calidade é maior e o animal sofre menos”.
“Queremos garantir que a xente saiba que son das mellores e das máis sustentables que se poden atopar no mercado“.
“O selo ten detrás un labor importante: temos unha xestión de plásticos e de residuos importantísimos, cumprimos coas garantías de condicións sociais das tripulacións, temos controladas as emisións de CO2 e cúmprense todo tipo de recomendacións técnicas e biolóxicas nos barcos”.
“Este proxecto é unha aposta de conxunto. A aposta dun porto e da xente do mar de Celeiro. Lévase traballando nela desde o ano 2016 e comezamos con 8 barcos o ano pasado. Todo isto leva un proceso interno de auditorias e este ano demos un salto á totalidade da frota. Calculabamos que nos ía levar tres anos, xa que se precisan moitos documentos, pero a aposta decidida da xente fixo que queimaramos as etapas e o conseguísemos antes”.
“A frota galega é unha das máis responsables de toda Europa. A nosa frota quixo destacalo e facelo máis identificativo”.
“Actualmente temos certificados 22 barcos e estamos falando de arredor de 500 postos de traballo que están directamente vinculados coa certificación”.
“Apostamos polo mantemento dunhas boas relacións co Reino Unido despois do ‘brexit‘”.
“A nosa produción vai para os mercados de Madrid, Barcelona, Zaragoza e o País Vasco, pero tamén se pode atopar en calquera mercado galego”.
“Estamos facendo programas de formación para eliminar o anisakis, pero hai que ser conscientes de que cociñándoos non imos ter ningún problema”.
“Nós ao ano pasado facturamos 46-47 millóns de euros coa pescada nunha zona que está deixando de ser a grande descoñecida de Galicia: a Mariña lucense”.
“Na Mariña estamos xerando a actividade económica suficiente como para poder 140 millóns de euros en salarios con esta pesca extractiva“.
“A Mariña é a primeira comarca pesqueira de España e unha das primeiras de Europa“.